15 nov 2009

OBSERVACIÓN DO CONTORNO

SAÍDA AO REGATO

Xoves, 15 de outubro de 2009. Esta é a data da nosa primeira saída do centro para tomar contacto coa parte práctica de “Proxecto Interdisciplinar”.

Poderiamos estar a falar dun día calquera de colexio, pero o certo é que creo que, o que máis e o que menos, xa entramos na aula cunha sensación diferente. Sabiamos que iamos facer algo distinto, algo que cando menos rompía o transcurso dun día normal de colexio.

Estivemos pouco tempo no centro, só o xusto para que os mestres nos lembraran algunhas cousas, tales como: pór atención no que estabamos a facer, fixarnos no que iamos vendo e tomar notas. Con estas indicacións, botamos a andar cara á nosa “aventura”.

O día estaba verdadeiramente bo, un típico día de outono. Lucía o sol, pero non quentaba e, ao mesmo tempo, corría algo de vento, pero sen facer frío. Collemos o camiño cara ao río, que eu máis ben chamaríalle “regacho”, non por desprezo senón por pequecho.

A min, este paseo cara ao río lembrábame algúns dos moitos que teño dado cos meus pais, e mesmo con amigos ou familiares que veñen de visita á nosa casa e, logo de pasar un tempo xuntos, botamos a andar, case sempre cara ao monte, se o tempo o permite. É algo que nos gusta e nos relaxa. De todos os xeitos, e volvendo ao “proxecto”, esta camiñada foi moi interesante. Deunos a oportunidade de fixarnos en moitos detalles que normalmente pasamos por alto.

Fomos recollendo todo tipo de materiais que atopabamos no camiño, dende plásticos e un calcetín, ata follas caídas de moitas especies de árbores.

Cando chegamos ao regato, tivemos que abrirnos camiño entre a herba e os fieitos, que estaban moi grandes. Xa no regato vimos ras pequenas e zapateiros. Cruzámolo pasando por riba dunhas pedras, para poder medir o ancho e tamén a profundidade. Logo, fixemos o camiño de volta recollendo outros materiais que atopabamos ao noso paso.

Esta foi a nosa primeira saída para aprender máis sobre o río e o seu contorno. Estou seguro que nos queda moito por aprender. Seguireivos contando.

Martín Calviño


3 comentarios:

  1. Alba e Tamara10/12/09

    Foi moi divertida a excursión.Soamente que houbo algúns percances algunhas caidas etc... pero tomámolas a risa .Moi ben a redación.

    ResponderEliminar
  2. Anónimo26/12/09

    Si e verdade que o pasamos ben todos xuntos.

    Verónica.

    ResponderEliminar
  3. Marta :D31/12/09

    a min gustoume moito esta saida

    ResponderEliminar